sábado, 21 de enero de 2017

Manifesto respecto á resolución de Patrimonio.

MANIFESTO DA ASOCIACIÓN SUESTE RESPECTO Á RESOLUCIÓN DE PATRIMONIO DE GALICIA EN RELACIÓN AOS ESTALEIROS DE CASQUEIRO E CALRAGHO.


A publicación no DOG, do día 13 de xaneiro, da resolución do 23 de decembro de 2016 da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, polo que se propón a incoación do procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, do conxunto dos estaleiros de Casqueiro-Calragho, no termo municipal de Moaña, vén amosar que a postura da Asociación Sueste, a cal leva defendendo dende o primeiro momento en que se proxectou o paseo de A Seara, era correcta e coherente.

A asociación Sueste avogou sempre pola supervivencia e conservación do conxunto dos dous estaleiros por mor do seu valor etnográfico. Nunca quixo ofrecer unha oposición gratuíta e partidista ao paseo, só a movía o interese de manter en pé uns talleres nos que se construíron moitas embarcacións, algunhas aínda en activo. Explicamos, nas poucas ocasións que nos deron a oportunidade de poder facelo, que estas edificacións tiñan un valor que as facía merecedoras de seren conservadas.

Visto o cariz que estaban tomando as cousas (manifestacións en contra da conservación dos estaleiros, descoñecemento da situación legal dos terreos onde se asentan os talleres por parte de moitas das persoas que se opuñan á rehabilitación destes, malas palabras e inimizades entre veciños, e un longo etcétera), a asociación Sueste, despois de estudar e analizar a situación, decide, o día 3 de maio de 2016, solicitar o inicio de incoación de expediente de inventariado, segundo a lei 8/1995, de 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. Posteriormente, entrou en vigor a actual 5/2016, que é na que se basea o nivel actual de protección dos estaleiros. Foi unha mágoa que, por certos intereses alleos que sospeitamos cales poden ser, non se chegara a un consenso para poder levar a cabo o paseo demandado de A Seara e a conservación dos estaleiros que utiliza a nosa asociación.
A resolución ditada pola directora xeral de Patrimonio aplica de forma clara o articulado da lei 5/2016, do 4 de maio, na que se recoñece explicitamente que “para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade:... as fábricas de salgadura, as carpintarías de ribeira e as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia”.
Hai varios aspectos a resaltar na resolución:

1.- Por suposto, o recoñecemento da importancia etnográfica e histórica das carpintarías de Casqueiro e Calragho cando menciona: “Cómpre ter en conta que a construción de embarcacións de madeira ou a carpintaría de ribeira é unha actividade tradicional de indubidable interese cultural antropolóxico e etnolóxico”.

2.- Hai un recoñecemento do uso do estaleiro de Calragho como sede da asociación Sueste para mantemento, reparación e garda das súas embarcacións.

3.- Que “o obxectivo principal da protección é permitir a conservación da actividade de carpintaría de ribeira... ... o seu coñecemento e posta en valor a través das actividades culturais relacionadas coa historia, produción e sistemas relacionados coa construción de embarcacións e a cultura mariñeira de Moaña e o Morrazo en xeral.

4.- Poden admitirse e “son recomendables como actividades de salvagarda dos valores culturais etnolóxicos asociados, os que supoñan a posta en valor e goce patrimonial do espazo etnolóxico e contribúan á consecución destes fins.

5.- O contorno de protección non se circunscribe unicamente ás referidas construcións senón a todo un espazo máis amplo que contempla dende a Casa do Mar ata onde se atopaba o estaleiro de Eusebio (eirado do ferreiro) e dende a rúa Concepción Arenal ata rebasar as anguías de suba e baixada das embarcacións.

6.- Un aspecto moi importante que tamén recolle a devandita resolución é ( a pesar do que algúns puideran dicir de que Sueste se opuña ao uso da vivenda que se atopa dentro da concesión pola actual inquilina) o recoñecemento coma vivenda do antigo serradoiro.

O nivel de protección que a resolución aplica é o de protección ambiental, que vén ser a conservación dos aspectos máis visibles e evidentes dos bens. É dicir, as carpintarías, como tal, e as anguías. As actuacións autorizables nos bens de protección ambiental resúmense en:

a) As de investigación, mantemento, conservación, consolidación, restauración, rehabilitación e reestruturación parcial ou total.

b) As de ampliación sempre que non supoñan un deterioro ou destrución dos valores culturais que aconsellaron a súa protección.

A consecución deste obxectivo, abandeirado pola Asociación Sueste, non é un éxito exclusivo desta senón do importantísimo apoio e colaboración de varias entidades, organismos e moitas persoas que dende o primeiro momento cooperaron para chegar a este valioso logro: o actual goberno municipal de Moaña que sempre nos apoiou na defensa destes valores patrimoniais, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial – Culturmar e todas as asociación englobadas nela que nos acompañou nalgunhas difíciles entrevistas, a Asociación de Veciños de Praia – Moaña quen sen renunciar ao paseo marítimo consideraron que estas construcións engrandecerían a obra, a Federación de Asociacións Veciñais de Moaña quen solicitou ao Pleno Municipal, en decembro de 2013, a posta en valor e musealización das carpintarías de ribeira de Casqueiro e Calragho, e a un número considerable de persoas que nos fixeron chegar os seus ánimos.

Sueste cre que é o momento das palabras, do debate sereno e argumentado; non dos balbordos, dos desafíos, dos insultos entre veciños . É o momento da procura de solucións pactadas e consensuadas para darlle saída a un paseo de A Seara digno, contemplando a conservación e rehabilitación das carpintarías de Casqueiro e de Calragho como un valor engadido.

En Moaña, a 18 de xaneiro de 2016

A Xunta Directiva da Asociación Sueste.

viernes, 13 de enero de 2017

Unha boa nova.



Un gran paso a diante na conservación dos estaleiros da Seara, no dia de hoxe saíu publicado no DOG o inicio do procedemento para incluír no Catalogo do patrimonio cultural de Galicia como bens inmobles coa categoría de lugar de valor etnolóxico, o conxunto dos estaleiros de Casqueiro e Calragho.
Unha moi boa nova para todos os que levamos anos loitando pola conservación dos estaleiros de ribeira.

"RESOLUCIÓN de 23 de diciembre de 2016, de la Dirección General de Patrimonio Cultural, por la que se propone la incoación del procedimiento de inclusión en el Catálogo del patrimonio cultural de Galicia, del conjunto de los astilleros de Casqueiro-Calragho, sitos en la parroquia de San Martiño de Moaña, en el término municipal de Moaña."

DOG - Nº 9 Viernes, 13 de enero de 2017


Contorno de protección proposto por Patrimonio.