domingo, 31 de enero de 2016

Paseo da Seara

Morrazoaldia-O goberno resalta que os cambios do Paseo de Seara realizáronse para evitar indemnizacións e que foron propostos polo executivo de Fervenza.


MOAÑA

O goberno resalta que os cambios do Paseo de Seara realizáronse para evitar indemnizacións e que foron propostos polo executivo de Fervenza

Odilo Barreiro e Marta Freire reiteran en que o desexo do executivo é un paseo “á beira do mar” e cumprindo os acordos plenarios.

O goberno local de Moaña quixo explicar, unha vez retomadas as obras do Paseo de Seara, cal era a situación atopada unha vez chegaron ao Concello e os trámites realizados ata alcanzar a situación actual. O edil de Urbanismo, Odilo Barreiro, lembrou que ao formarse o novo goberno as obras estaban paralizadas debido a que o Concello non puxera os terreos a disposición da Axencia Galega de Infraestruturas. O executivo lembra que nas carpinterías Costas do Estado non procedera á caducidade da concesión nin efectuara a expropiación necesaria. “Nas propiedas próximas a Salitre a situación aínda era máis grave”, matiza Barreiro, xa que se efectuou unha cesión temporal que obrigaba textualmente a “executarse nesta lexislatura co compromiso do actual goberno, do contrario, esta autorización quedará anulada”.

O executivo resalta que ante esta situación existía a ameaza de paralización das obras do paseo e a posibilidade de que o Concello tivese que asumir a indemnización correspondente á empresa. “Co fin de solucionar as trapalladas de Fervenza o goberno actual celebrou reunións cos sectores afectados”, matiza Barreiro, lembrando os encontros coa empresa, a Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Provincial de Costas e veciños e veciñas afectadas. O obxectivo era unha solución que permitise non ter que asumir unha indemnización “inxusta e provocada pola mala xestión do goberno anterior”. O edil de Urbanismo apunta que a Dirección Provincial de Costas foi o organismo que informou ao actual goberno de que existía unha alternativa ao trazado que “fora proposta polo anterior goberno recollendo unha iniciativa dunha asociación de veciños e veciñas”, actuación que é a que se está executando na actualidade.

A edil de Obras e Servizos e Tenente Alcaldesa, Marta Freire, lembrou que tanto o PSOE como o BNG votaron a favor de solicitar a caducidade das carpinterías a Costas e da reversión dos terreos para o Concello no pleno de decembro de 2014 pero que o Partido Popular votou en contra. Nesa propostas tamén se recollía a modificación do proxecto en dous puntos, a pasarela sobre o mar por diante das carpinterías e a reforma do aparcadoiro da Casa do Mar.

Freire lembra que a anterior cesión soamente era para a lexislatura de Fervenza, “o que provocou que esas cesións non tiveran validez legal ante a convocatoria das eleccións”. Unha vez pasadas as eleccións, a tenente alcaldesa resalta que o goberno se atopou con que unha empresa estaba a facer a obra sen contar coas cesións nin con permisos de obras, polo que o executivo reuniuse cos propietarios e alcanzou as firmas das cesións con carácter permanente. Doutra banda, do mesmo xeito que Odilo Barreiro, lembra que Costas trasladou que “non entendía a preocupación e premura” porque existía a solución provisional acordada co anterior alcalde.

“Este goberno municipal é o primeiro en querer un paseo á beira do mar dando cumprimento a acordos plenarios aprobados pola corporación anterior e pola actual. Son outras administracións supramunicipais  as que non o permiten” lembran. O goberno municipal tamén critica que o PP “se esconda no anonimato para convocar concentracións con argumentos falsos e que esconden a súa responsabilidade no tema”. Desde o executivo apuntan que esa “covardía xa coñecida en pasadas lexislaturas” reafirma a intención de entregar a documentación do expediente do Paseo de Seara á Fiscalía para que valore se o goberno anterior puido cometer algún tipo de delito na súa tramitación. Desde o executivo manteñen a aposta por un paseo que transcorra polo mar e que se tramite a caducidade das concesións para que se reverta a titularidade dos terreos para o Concello.

ene 30, 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario