viernes, 24 de abril de 2015

Paseo da Seara

A pesares de que as distintas administracións implicadas están o tanto das numerosas irregularidades que se cometeron na elaboración do proxecto do Paseo da Seara, moitas delas invalidan por completo o proxecto e todos os pasos dados a posterior. Parece que seguen adiante coa política de feitos consumados, esta tarde a empresa adxudicataria das obras procedeu a colocar os paneis informativos.



Como se pode ver na foto adxunta aparte da zoa afectada polo paso do paseo que suporía  a demolición de parte dun dos estaleiros,  aparece tamén unha zona en vermello que imaxinamos que quedaría afectada dalgunha maneira. Por que a dia de hoxe seguimos sen coñecer o proxecto mais que polo que aparece na prensa.

lunes, 20 de abril de 2015

Adeus a un entusiasta da cultura e dos barcos

Faro de Vigo-Adeus a un entusiasta da cultura e dos barcos.


Benxamin Riobó era un ser querido no sue concello natal de Moaña, unha persona aberta á cultura dende a súa libraría "O Pontillón", unha persona aberta ó movemento social e veciñal e un loitador polas nosas tradicións galegas ademáis dun amante dos barcos de carpintaría de ribeira. Faleceu o sábado e onte foi enterrado no cementerio municipal de Moaña rodeado polo cariño da súa familia, dos seus moitos amigos e veciños que lle honraron coa gaita e o himno galego que sempre levou nas súas entrañas e que seguirá defendendo coa mesma creencia e a fantasía dos relatos que tanto relía na súa libraría. A morte de Benxamín Riobó deixa un baleiro no espazo cultural de Moaña e na Asociación Sueste, de recuperación de embarcacións tradicionáis, na que tanto traballaba. O seu presidente Pablo Martínez recorda a "Benxa" nunha pequena homenaxe moi merecida que, de seguro, será a primeira dunha longa delas:

"Deixounos para sempre un socio e compañeiro. Deixounos para sempre un entusiasta dos barcos, da madeira, das carpintarías de ribeira. Deixounos para sempre un estudoso da etnografía, da historia "en letra pequena", das "cousiñas" que nós queremos, que nós herdamos, e que nós queremos entregar aos nosos fillos e netos. E sobre todo, deixounos para sempre un excepcional amigo. Deixounos para sempre Benxa. Non necesitamos dicir o seu nome completo, os seus apelidos. Todos sabemos de quen estamos a falar. Pero? non. Non nos deixou, non nos abandonou. Está aí. Sigue aí. Está ao noso carón. Non o vedes?, Non o percibides?. Si, está. Sigue inspirando e propoñendo cousas. Na Asociación de Embarcacións Tradicionais Sueste seguiremos a contar sempre con Benxa.

Cando nos deron a nova, custounos reaccionar e pareceunos unha broma de moi mal gusto, para logo invadirnos un tremendo desacougo, un considerable desasosego que nos oprimía e aplastaba a gorxa e mailo peito e que se foi traducindo nunha forte dor física que ía, ía, ía en aumento. Ninguén o cría. Pero foron pasando as horas e, non, non era broma, era un terrible feito, a horrible realidade.

A partir de agora haberá un profundo oco, imposible de ocupar, no corazón de cada un dos membros de Sueste. Haberá unha enorme cicatriz que vai quedar como lembranza da súa amizade. Ao xuntármonos en cada reunión da Xunta Directiva, estaremos esperando sempre que apareza Benxa co seu optimismo, a súa vitalidade, o seu sorriso e co seu "ooola a todos".

Cada brochazo de pintura nos barcos, cada pada co remo, cada programa que realicemos, cada novo proxecto de futuro, cada navegación, cada bordo que realicemos nos barcos levarán sempre o seu empuxe, o seu entusiasmo. O ronsel que deixa o Eliseo no seu navegar irá escribindo o seu nome sobre as augas da ría na que tanto lle gustaba navegar. Estamos convencidos de que a partir de agora, estea onde estea, coidará por que as velas dos barcos de Sueste cheguen a bo porto e gocen dunha bonancible e pracenteira travesía.

Non nos deixou. Seguirá acompañándonos en cada paso que demos. Seguimos contando con el. Seguimos contando contigo, Benxa. A Asociación Sueste estará sempre en débeda contigo. Á familia de Benxa queremos transmitirlle os nosos ánimos, agarimos e un enorme respecto. Unha aperta moi, moi forte".

domingo, 19 de abril de 2015

Un dia triste



No dia de onte deixounos o noso amigo e compañeiro Benxa, que os ventos che sexan favorables nesta nova singradura.